Friday 10 de May de 2024

O Concello de Oroso inviste máis de 92.000 € no asfaltado da rúa da Tosca e dos lugares de Vilanova, Vilacide de Abaixo e Vilarelle


O Concello de Oroso vén de iniciar os traballos de asfaltado na rúa da Tosca (Sigüeiro) e nos lugares de Vilanova e Vilacide de Abaixo (parroquia de Oroso) e Vilarelle (parroquia de Vilarromariz) nos que vai investir un total de 92.159,64 euros. Uns traballos incluídos dentro do Plan de Obras e Servizos 2016 da Deputación da Coruña.

As obras que avanzan con maior rapidez son as correspondentes á rúa da Tosca, que conecta a avenida da Garabanxa co polígono industrial de Sigüeiro, pasando por diante do IES Oroso, nas que o Concello de Oroso inviste un total de 54.692,58 euros. De feito, xa se procedeu ao perfilado das cunetas a ambos lados do vial, que será pavimentado con mestura bituminosa en quente.

A rúa da Tosca é un vial moi transitado cuxa capa de rodadura se atopaba moi deteriorado tanto polo tráfico de vehículos como polas inclemencias do tempo. Ademais de realizar unha limpeza xeral da zona e retirar os obstáculos presentes, a empresa adxudicataria procedeu ao recheo das fochancas existentes con grava, previo á colocación dunha mestura bituminosa en quente a todo o vial e ao repintado das marcas viarias. Se o tempo o permite, as obras estarán rematadas esta mesma semana.

Arranxos en Oroso e Villarromariz

Así mesmo, o Concello de Oroso tamén vai proceder á mellora da rede viaria nos lugares de Vilanova e Vilacide de Abaixo (Oroso) e Vilarelle (Vilaromariz), onde investirá 37.467,06 euros. O concelleiro de Obras, Eduardo Veiras, explica que “no caso de Vilanova e Vilarelle, trátase de viais dentro dun núcleo de poboación e que están sen pavimentar, polo que é preciso non só botarlle rego asfáltico senón canalizar as augas procedentes da chuvia. O caso de Vilacide de Abaixo é diferente, pois trátase dun deterioro polo paso do tempo se ben aproveitaremos as obras para canalizar as augas pluviais e evitar así as anegacións que se adoitaban producir no camiño”.

Nos tres casos, procederase ao perfilado das cunetas a ambos lados do vial, que será pavimentado con rego asfáltico e procederase á canalización das augas pluviais. Neste caso, en Vilanova procederase á colocación de rigula prefabricada de formigón e cuneta revestida de formigón; mentres que en Vilacide de Abaixo e Vilarelle se fará mediante tuberías de PVC de 250 milímetros de diámetro. As obras estarán rematadas ao longo das próximas semanas.